O pasado 19 de febreiro, celebrouse un novo obradoiro adicado á «Dixitalización no sector eólico” organizado polo Cluergal e financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), nun ciclo centrado na transformación dixital como panca para impulsar a descarbonización de Galicia. A sesión foi inaugurada por Oriol Sarmiento e a continuación, Alberto Álvarez, de Innplica, repasou as conclusións do diagnóstico previo de dixitalización, que revelou importantes marxes de mellora que servirán como punto de partida para identificar áreas tecnolóxicas prioritarias co obxectivo de impulsar proxectos concretos no sector.
Na primeira presentación, Álvaro González Salcedo, de CENER, puxo o foco na importancia de contar con datos ben estruturados e estandarizados como base para unha explotación eficiente. Subliñou a importancia de organizar correctamente os datos para facilitar a análise avanzada e a toma de decisións. Como exemplo práctico, presentou as capacidades de CENER na monitorización de 1,5 GW de potencia eólica instalada, optimizando a xestión de activos e abrindo a porta á simulación de escenarios futuros vinculados ao mercado eléctrico ou ao comportamento das máquinas.
Pola súa banda, Alex Ávila, de Aeromedia UAV, expuxo unha solución innovadora para a inspección de palas de aeroxeradores sen necesidade de deter a máquina. Mediante o uso de drons autónomos, sensores remotos e intelixencia artificial, o sistema permite inspeccionar entre 12 e 16 aeroxeradores por xornada, mellorando a trazabilidade dos datos e facilitando o mantemento predictivo. A proposta demostra como a dixitalización pode reducir custos, evitar perdas de produción e incrementar a eficiencia operativa no sector eólico.
