Obradoiro sobre autoconsumo fotovoltaico organizado por Cluergal

O pasado 22 de xaneiro celebrouse en formato híbrido un novo obradoiro sobre autoconsumo fotovoltaico, sobre unha tecnoloxía clave da transición enerxética cara a un modelo máis sostible, descentralizado e accesible. A xornada, enmarcada no ciclo de Obradoiros Multidisciplinares de Sostibilidade e Transición Enerxética e organizada por Cluergal co apoio do Igape, puxo o foco na xeración solar distribuída como ferramenta para reducir emisións, custos enerxéticos e dependencia de fontes fósiles, especialmente en Galicia.

Na primeira parte técnica, José Déciga Gusi, responsable de proxectos de grandes instalacións en Iberdrola, abordou a transformación enerxética da industria, sinalando a electrificación e o autoconsumo fotovoltaico como unha clara vantaxe competitiva. Subliñou o forte crecemento do autoconsumo en España, o seu encaixe no PNIEC e os aforros económicos de entre o 20 % e o 40 % que xa están a acadar moitas empresas.

Pola súa banda, Alejandro Pardo, de SGS, centrou a súa intervención nos retos e oportunidades do autoconsumo fotovoltaico. Expuxo as principais dificultades técnicas —como a variabilidade da xeración ou o desaxuste cos perfís de consumo—, así como os condicionantes económicos e regulatorios, sen perder de vista que se trata dunha tecnoloxía madura, en expansión e con gran potencial se se acompaña de almacenamento, monitorización avanzada e marcos normativos máis claros e estables.

Pechou o obradoiro Oriol Ventura, director de operacións de EiDF Solar, quen defendeu a evolución do autoconsumo cara á autosuficiencia enerxética. Destacou a importancia de combinar a xeración fotovoltaica con medidas de eficiencia enerxética, almacenamento con baterías e sistemas intelixentes de xestión para reducir picos de consumo, emisións e dependencia externa. A mensaxe final foi que xerar, aforrar e xestionar a enerxía de forma integrada converte o autoconsumo nunha auténtica palanca de competitividade e resiliencia para a industria e o tecido económico galego.