O primeiro obradoiro do novo ciclo de obradoiros multidisciplinares sobre sustentabilidade e transición enerxética organizado por Cluergal foi inaugurado este 8 de xaneiro polo seu xerente, Oriol Sarmiento Díez, quen presentou os obxectivos e a dinámica deste programa, financiado polo IGAPE e orientado a poñer en valor as oportunidades que ofrece a sustentabilidade para as empresas do sector das enerxías renovables. A continuación, Alberto Álvarez, de Innplica, explicou a estrutura do ciclo e a metodoloxía para o diagnóstico de necesidades individuais.
A sesión técnica centrouse no hidróxeno renovable e nos seus derivados. Marta Romero, de Lean Hydrogen, ofreceu unha visión global do papel do hidróxeno na transición enerxética, abordando as súas aplicacións, retos tecnolóxicos, custos e a súa función clave no almacenamento de enerxía.
Posteriormente, Raúl Rodríguez Parra, de Tresca Ingeniería, analizou o presente e o futuro do amoníaco renovable, o seu potencial para a descarbonización da industria, dos fertilizantes e do transporte marítimo, así como as oportunidades estratéxicas que ofrece.
Pechou o bloque Francisco Montalbán, director xeral de Clantech, quen presentou solucións innovadoras para o transporte seguro e competitivo de hidróxeno mediante tubaxes poliméricas, salientando a súa viabilidade técnica e económica e o seu papel clave no despregamento do hidróxeno renovable a gran escala.

