Santiago foi escenario da xornada “Repotenciar Galicia: enerxía, territorio e futuro”, organizada este 12 de novembro polo Clúster das Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal). Un encontro no que administracións, expertos e representantes municipais analizaron os desafíos e oportunidades da repotenciación eólica nun momento decisivo para o sector.
A sesión celebrada en Santiago comezou coa apertura a cargo do presidente de Cluergal, José Ramón Franco, quen destacou que o obxectivo do encontro: “abordar os retos e oportunidades do plan de repotenciación de parques eólicos e ofrecer un espazo no que os actores implicados poidan expresar a súa visión”. Subliñou que Cluergal traballa para que o desenvolvemento da eólica en Galicia sexa “ordenado, eficiente, sustentable e capaz de xerar o maior valor engadido posible no territorio”.
Franco lembrou que a repotenciación supón “aproveitar ao máximo as localizacións actuais, minimizando o impacto ambiental e mellorando o rendemento das instalacións mediante equipos máis modernos e eficientes”. Con todo, advertiu da complexidade asociada ao proceso: desde o alcance da nova normativa autonómica ata a viabilidade económico-financeira, o papel das administracións locais, o impacto nas taxas e compensacións municipais, e a “xudicialización sen precedentes” que, ao seu xuízo, está a tensionar o sector, coa orde galega de repotenciación actualmente paralizada polo recurso do Goberno central.
O presidente de Cluergal tamén puxo o foco na dispoñibilidade de equipos e capacidades técnicas para acometer as substitucións no tempo previsto, así como na afectación ao tecido empresarial galego que actualmente presta servizos de mantemento. “As novas instalacións estarán durante anos baixo contratos full-service dos tecnólogos, o que reducirá a participación directa das empresas locais”, alertou. Pese ás dificultades, asegurou o apoio total do clúster a este proceso, reclamando “diálogo, consenso e medidas que garantan a continuidade das instalacións, a súa rendibilidade e o sostemento da cadea de valor galega”.
Claves técnicas e visión municipal
A continuación, o catedrático da Universidade de Vigo Camilo Carrillo impartiu a ponencia “Repotenciar para optimizar: claves técnicas do novo modelo eólico”, na que explicou os fundamentos tecnolóxicos e ambientais que xustifican a substitución de aeroxeradores antigos por máquinas máis potentes e eficientes, mantendo a potencia total pero reducindo o número de unidades e, polo tanto, o impacto no territorio.
A mesa redonda posterior, titulada “Gobernar co vento: experiencias municipais na repotenciación eólica”, contou coa participación dos alcaldes de Ortigueira, Valentín Calvín (PPdeG), e de Zas, Manuel Muíño (BNG). Moderados polo xerente de Cluergal, Oriol Sarmiento, debateron sobre o papel dos concellos, a relación coas empresas promotoras, o impacto social das novas infraestruturas e a repercusión da repotenciación sobre o canon eólico e os impostos municipais.
A conselleira Lorenzana pide ao Goberno retirar o recurso contra a normativa galega
O acto pechouse coa intervención da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, quen insistiu na necesidade de que o Goberno central retire o recurso de inconstitucionalidade contra a normativa galega de repotenciación e reclame unha regulación estatal “sensata e economicamente viable, en liña coa aprobada pola Xunta”.
Lorenzana destacou que Galicia “volveu ser pioneira”, desta vez abrindo o debate nacional sobre a repotenciación, e puxo en valor o impacto potencial da medida: “En dez anos poderían retirarse do territorio galego uns 2.000 aeroxeradores de 98 parques con máis de 20 anos, unha redución do 80% que permitiría, ademais, xerar un 35% máis de electricidade”.
A conselleira defendeu que o modelo galego é flexible e contempla excepcións por razóns ambientais, así como prazos adaptados á amortización das instalacións. Reivindicou que Galicia “non vai renunciar ao seu despregamento eólico”, considerado “estratéxico”, e avogou por un desenvolvemento “socialmente xusto e economicamente rendible”. Tamén apelou á pedagoxía cara á cidadanía: “Se queremos electrificar a industria e os consumos, necesitamos máis produción de enerxía verde”.
Ademais, avanzou que en 2026 se presentará un primeiro borrador do novo Plan Sectorial Eólico e a súa base cartográfica, acompañado de mesas de diálogo social e empresarial. Tamén lembrou que a Lei de recursos naturais establece que o 50% da enerxía dos novos parques deberá repercutir no tecido produtivo galego e nos fogares.
“Temos que ser quen de trasladar aos cidadáns que a eólica é boa”, concluíu Lorenzana, reafirmando o compromiso da Xunta co futuro do sector.







