Xornada de conclusións do ciclo de Obradoiros de Dixitalización de Cluergal

O pasado venres 14 de febreiro, coincidindo co Día Mundial da Enerxía, o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) celebrou en Santiago de Compostela a xornada de conclusións do seu ciclo de Obradoiros sobre Enerxía e Dixitalización.

Este programa, desenvolvido desde xaneiro co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), abordou aspectos clave como a dixitalización na enxeñaría, as renovables, as redes eléctricas, a xestión enerxética e o mantemento.

O evento, que tivo lugar no Hotel OCA Porta do Camiño, comezou coa intervención de José Ramón Franco, presidente de Cluergal, quen destacou a importancia da transformación dixital no sector enerxético. A continuación, Alberto Álvarez, de Innplica, presentou os principais resultados dos obradoiros realizados nos últimos meses.

A xornada contou con Eladio Otero, representante do IGAPE. Na súa intervención presentou diferentes programas de axudas que se desenvolven dende este ente público.

O evento pechouse coa ponencia «Transformación Dixital aplicada ás Enerxías Renovables. Centro de control de nova xeración», impartida por Álvaro Enríquez, IT Infrastructure Manager de ENGIE, quen afondou nas últimas innovacións no ámbito do control e a monitorización de instalacións renovables.