Nova edición do curso de puntos de recarga de vehículo eléctrico

Cluergal organiza unha nova edición do curso gratuito sobre instalacións eléctricas de Baixa Tensión. É un curso subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.

O curso sobre puntos de recarga para vehículos eléctricos ofrece un enfoque exhaustivo sobre o tema, abarcando dende a introdución aos vehículos híbridos e eléctricos ata a infraestrutura e seguridade en estacións de recarga. Comeza con conceptos básicos e clasificacións de vehículos eléctricos, pasando despois á arquitectura destes e ao sistema de almacenamento enerxético, onde se detallan tipos de baterías e celdas. O curso profundiza en sistemas de carga a bordo e nas estacións de recarga, explicando modos, conectores, normativas e tecnoloxías de carga, ademais dos elementos de seguridade requiridos. Finalmente, analiza o estado actual do mercado, a evolución das vendas e os retos gobernamentais en canto á planificación enerxética e tendencias en electromobilidade. (ver PROGRAMA DO CURSO).

O curso ten 60 horas de duración, na modalidade de “Teleformación” (acceso permanente á plataforma). Iníciase o próximo 13 de novembro e finaliza o 11 de decembro de 2024. O prazo de inscrición pecha o 05/11 ou ata que se esgoten as prazas.

Poden inscribirse traballadores en activo ou desempregados de Galicia. As prazas son limitadas e a solicitude non implica a súa aceptación en tanto non sexa comunicada formalmente por Cluergal.