Cluergal organiza unha nova edición so seu curso gratuito sobre mantemento de instalacións de edificios. É un curso subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.
Este curso ofrece unha visión completa da xestión e mantemento das instalacións enerxéticas dos edificios, abordando dende as distintas fontes de enerxía ata a normativa aplicable ao mantemento. Estúdanse estratexias para optimizar o consumo enerxético e boas prácticas para garantir a eficiencia e seguridade das instalacións eléctricas, térmicas e solares. Ademais, préstase especial atención ao mantemento hixiénico-sanitario contra a lexionelose, así como outras instalacións complementarias dentro dos edificios. Tamén se centra na prevención de riscos laborais durante os traballos de mantemento, garantindo a protección dos traballadores e o cumprimento da normativa vixente. O curso está dirixido a mellorar a eficiencia enerxética, o cumprimento da normativa e a seguridade nas instalacións dos edificios. (ver PROGRAMA DO CURSO).
O curso é de 60 horas de duración, en modalidade “Teleformación” (acceso á plataforma en calquera momento). Iníciase o próximo 4 de novembro e finaliza o 9 de decembro de 2024. O prazo de inscrición pecha o 28 de outubro ou ata que se esgoten as prazas.
Poden inscribirse traballadores en activo ou desempregados de Galicia. As prazas son limitadas e a solicitude non implica a súa aceptación en tanto non sexa comunicada formalmente por Cluergal.