Xornada de conclusións dos obradoiros de transformación dixital para a descarbonización

Cluergal celebrou o pasado 8 de maio, na sede de Afundación en Vigo, a xornada de conclusións do ciclo de Obradoiros sobre transformación dixital para impulsar a descarbonización, unha iniciativa desenvolvida durante os meses de febreiro e marzo coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Ao longo deste ciclo, organizado coa colaboración do Igape- Instituto Galego de Promoción Económica, abordáronse cuestións de máximo interese para o sector enerxético e industrial, como a dixitalización aplicada á transición enerxética, ao sector eólico, fotovoltaico, ás instalacións eléctricas e á eficiencia enerxética.

A apertura da xornada correu a cargo de Oriol Sarmiento, xerente de Cluergal, quen destacou a importancia da transformación dixital como ferramenta clave para avanzar cara unha industria máis competitiva e sostible.

Posteriormente celebrouse unha mesa de debate sobre dixitalización e eficiencia enerxética na industria, moderada polo propio xerente de Cluergal, na que participaron Cristina Martínez, responsable de mantemento de instalacións xerais da factoría de Stellantis Vigo, e Daniel Prieto, fundador de Soltec Ingenieros. Durante o encontro puxéronse sobre a mesa cuestións como a evolución das estratexias de eficiencia enerxética nas empresas, o impacto da dixitalización nos procesos industriais e o potencial da intelixencia artificial para optimizar a xestión enerxética.

A continuación, Alberto Álvarez, de Innplica, foi o encargado de presentar os principais resultados e conclusións obtidos ao longo do ciclo de obradoiros. O acto foi clausurado por Eladio Otero, subdirector de Competitividade Empresarial do Igape, quen puxo en valor a colaboración entre empresas, entidades e administracións para acelerar a descarbonización e a transformación dixital da industria galega.