Xornada de conclusións dos Obradoiros de Sustentabilidade e Transición Enerxética

A xornada de conclusións do ciclo de Obradoiros sobre Sustentabilidade e Transición Enerxética, organizada por Cluergal coa colaboración de Igape, puxo o broche final a unha intensa programación desenvolvida nos meses de xaneiro e febreiro, na que se abordaron cuestións clave como o hidróxeno renovable, a eólica offshore, o autoconsumo, a mobilidade sostible ou a iluminación eficiente. O encontro, celebrado o pasado 25 de marzo no marco da feira Enerxétika 2026 en Silleda (Pontevedra), serviu para compartir conclusións, aprendizaxes e oportunidades de futuro para o sector enerxético galego.

Durante a xornada, inaugurada por José Ramón Franco, presidente de Cluergal, e Eladio Otero do IGAPE, presentáronse os principais resultados do ciclo a cargo de Alberto Álvarez (Innplica), destacando o papel da innovación e da colaboración público-privada na transición enerxética. O bloque de ponencias permitiu profundar en solucións concretas vinculadas á xeración distribuída, as comunidades enerxéticas, a eficiencia industrial e as novas tecnoloxías en climatización.

Entre as intervencións, Juan Castro-Gil, CEO de GABA ENERGÍA, explicou un modelo pioneiro que permite aos consumidores galegos acceder a electricidade renovable xerada no propio territorio a través de fórmulas colectivas de consumo, favorecendo prezos máis competitivos e unha maior vinculación co sistema enerxético local. Pola súa banda, Santiago González, de INTEGRIA, abordou o papel das comunidades enerxéticas e o seu potencial na xestión de certificados de aforro enerxético (CAE’s), destacando a súa capacidade para dinamizar o sistema enerxético e fomentar a participación cidadá.

Así mesmo, Carlos Vázquez Pimentel, de CO2 Smart Tech, presentou diferentes solucións de xestión enerxética na industria, apoiadas na dixitalización e cunha ampla experiencia internacional que avala o seu impacto na optimización do consumo. Finalmente, Silvia Fernández, de EUROFRED, expuxo as novidades en solucións HVAC e ACS, así como a situación normativa actual, subliñando a importancia da eficiencia e da adaptación regulatoria no contexto da transición enerxética.

A xornada concluíu coa intervención de Oriol Sarmiento, quen puxo en valor a importancia de seguir impulsando este tipo de iniciativas para acelerar a transición enerxética en Galicia. O ciclo, aberto ao público e con gran participación, consolidouse como un espazo de referencia para o intercambio de coñecemento, a xeración de oportunidades e o fortalecemento do ecosistema enerxético galego e as súas oportunidades de dixitalización.