O pasado 5 de marzo, celebrouse un novo obradoiro adicado á «Dixitalización no sector fotovoltaico», organizado polo Cluergal e financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dentro do ciclo centrado na transformación dixital como panca para impulsar a descarbonización de Galicia. A sesión foi moderada por Alberto Álvarez, quen contextualizou o encontro dentro dun proceso máis amplo de diagnóstico das necesidades tecnolóxicas das empresas do sector. A continuación, Emilio Martínez, de Innplica, presentou as conclusións dese diagnóstico previo, no que se identificaron necesidades colectivas clave que permitirán reducir a elevada carga administrativa das empresas e mellorar a toma de decisións mediante a análise integrada de datos.
Na primeira presentación técnica, Adrián Cruz, de Abobe, explicou como a dixitalización está a transformar as distintas fases do ciclo de vida das plantas fotovoltaicas. A través do uso de diferentes tecnoloxías é posible mellorar o control de calidade durante a construción, detectar desviacións respecto aos planos de deseño e xerar automaticamente documentación “as-built” de alta precisión. Ademais, os xemelgos dixitais permiten recrear virtualmente cada compoñente da planta, facilitando a trazabilidade, a xestión de garantías e a planificación das tarefas de operación e mantemento (O&M). A integración de intelixencia artificial no sistema tamén permite automatizar a elaboración de informes e acelerar a detección de anomalías.
Pola súa banda, Pablo Álvarez, de ITG Technology Center, presentou unha iniciativa de mantemento intelixente en plantas fotovoltaicas baseada no uso combinado de drones, xemelgos dixitais e algoritmos de intelixencia artificial. O proxecto céntrase na detección e análise de dous problemas clave para a produción: a acumulación de sucidade nos paneis (calima) e a corrosión estrutural. Mediante técnicas de visión artificial, imaxes multiespectrais e modelado físico da planta, o sistema permite identificar o momento óptimo para realizar limpezas ou actuacións de mantemento. Ademais, os modelos desenvolvidos por ITG permiten predicir a produción fotovoltaica con gran precisión, o que facilita comprobar se os paneis están a producir o que deberían e optimizar así o rendemento das instalacións.
