Este 12 de marzo, celebrouse un novo obradoiro adicado á «Dixitalización das instalacións eléctricas», organizado polo Cluergal e financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dentro do ciclo centrado na transformación dixital como panca para impulsar a descarbonización de Galicia. A sesión foi inaugurada por Oriol Sarmiento, quen presentou a dinámica do encontro e o papel destas sesións para achegar ás empresas tecnoloxías clave para o futuro do sector enerxético. A continuación, Alberto Álvarez, de Innplica, presentou o evento, dando paso a Emilio Martínez, quen explicou a implantación e desenvolvemento de diferentes tecnoloxías.
Na primeira presentación técnica, Pablo Carreira, de UFD (Naturgy), abordou o proceso de transformación dixital das redes de distribución eléctrica, clave para afrontar a transición enerxética. Explicou que a rede eléctrica está a pasar dun modelo tradicional de fluxo unidireccional a un sistema complexo con fluxos en múltiples direccións, no que é imprescindible integrar renovables, vehículo eléctrico e almacenamento. Neste contexto, destacou a aposta pola tecnificación e dixitalización das redes, mediante sistemas avanzados de telecontrol, sensorización e xestión de datos.
Pola súa banda, Wilfredo Santana, de Anubia, presentou ferramentas dixitais orientadas á xestión do mantemento en empresas do sector eléctrico. A súa intervención centrouse nas capacidades do software Odoo para integrar nunha única plataforma a xestión do mantemento preventivo e correctivo. A ferramenta permite asignar tarefas a técnicos, priorizar incidencias e rexistrar todas as actuacións nun panel común que facilita o seguimento das reparacións e o control analítico de custos. Este tipo de solucións amosan como a dixitalización tamén pode mellorar a organización operativa das empresas, optimizando os recursos, reducindo tempos de resposta e permitindo unha análise máis precisa da actividade de mantemento.

