O pasado 19 de febreiro, celebrouse un novo obradoiro adicado á «Dixitalización e transición enerxética” organizado polo Cluergal e financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). A sesión foi inaugurada por Oriol Sarmiento, quen presentou este segundo ciclo do ano centrado na transformación dixital como panca para impulsar a descarbonización de Galicia. A continuación, Alberto Álvarez, de Innplica, explicou o enfoque práctico dos obradoiros, orientados a identificar necesidades reais das empresas e convertelas en proxectos colectivos con posibles vías de financiamento.
Na primeira presentación, Samuel Ormaechea, do Instituto Tecnológico de Galicia (ITG), abordou a interdependencia entre dixitalización e transición enerxética, subliñando que a xestión de sistemas enerxéticos cada vez máis complexos —coa irrupción da xeración distribuída, almacenamento e hidróxeno renovable— require monitorización avanzada, intelixencia artificial e o uso de xemelgos dixitais para simular escenarios e optimizar a toma de decisións. Presentou casos prácticos como a dixitalización de contornos portuarios para a súa descarbonización e proxectos que permiten validar novos modelos de negocio enerxéticos, mellorar a flexibilidade e reducir custos.
Pola súa banda, Duarte Borras, de SKF Group, centrou a súa intervención na dixitalización de contornos enerxéticos e industriais, especialmente no ámbito do mantemento predictivo. Amosou a evolución desde procesos manuais baseados na experiencia individual cara a sistemas de monitorización continua con sensores, análise na nube e intelixencia artificial para a detección de fallos. Destacou que a automatización e a IA permiten eliminar tarefas de baixo valor engadido, reducir tempos de inactividade e incrementar a eficiencia operativa.
