O pasado 5 de febreiro, Cluergal organizou un novo obradoiro adicado á mobilidade sostible, un dos piares da transición enerxética pola súa importancia para reducir emisións, a dependencia de combustibles fósiles e mellorar a competitividade económica. A apertura e primeira intervención correu a cargo de Alberto Álvarez, de Innplica, que presentou estratexias de financiamento preferente, detallando as principais vías de axuda pública para proxectos de mobilidade eléctrica, autoconsumo industrial, almacenamento enerxético e dixitalización, tanto a nivel estatal como autonómico e europeo.
A electrificación do transporte foi un dos eixes centrais do obradoiro. Pablo de Regoyos, de Iberdrola, explicou como o coche, o autobús e o camión eléctricos xa permiten mellorar a competitividade e reducir custos, destacando que o custo total do vehículo eléctrico é inferior ao da combustión e que esta vantaxe chegou antes do previsto. Subliñou tamén o papel clave das frotas empresariais e do transporte público eléctrico como palancas para acelerar a adopción da mobilidade eléctrica en España.
A visión máis crítica chegou da man de Alejandro Pardo, de SGS, quen analizou os déficits da infraestrutura de recarga, alertando do elevado número de puntos inoperativos, da escaseza de recarga de alta potencia e do atraso de Galicia respecto doutros territorios europeos.
Pechou a sesión Oriol Ventura, de EIDF, cunha visión práctica da mobilidade sostible “moito máis alá do vehículo eléctrico”, baseada na experiencia real en instalacións industriais, na xestión intelixente da recarga e en proxectos innovadores. O consenso final foi claro: a mobilidade eléctrica xa é unha realidade, pero o seu despregue require infraestruturas fiables, maior coordinación institucional e unha aposta decidida para non perder competitividade en Galicia.

