O pasado 29 de xaneiro celebrouse en formato híbrido un novo obradoiro adicado á iluminación sostible, unha temática clave para avanzar na eficiencia enerxética, a redución de emisións e a mellora ambiental dos espazos urbanos e industriais. A xornada enmarcouse no ciclo de Obradoiros Multidisciplinares de Sostibilidade e Transición Enerxética, organizado por Cluergal co apoio do Igape, e puxo o foco no papel da iluminación eficiente e intelixente como panca de aforro enerxético e sostibilidade en Galicia.
A apertura correu a cargo de Oriol Sarmiento, quen destacou a importancia da iluminación sostible na transición enerxética e na loita contra a contaminación luminosa. Na primeira intervención, Emilio Martínez, de Innplica, abordou os retos asociados á xestión da enerxía e á necesidade dunha capa dixital de optimización baseada en KPIs enerxéticos, subliñando que a dixitalización é clave para maximizar o rendemento das solucións tecnolóxicas e impulsar proxectos colaborativos.
A continuación, Julio César Álvarez, de Ledvance, presentou as certificacións PEP Ecopassport® como unha ferramenta fundamental para avanzar cara a unha economía circular na iluminación. Expuxo a relevancia do análise do ciclo de vida dos produtos, sinalando que boa parte do impacto ambiental das luminarias concéntrase nas fases de fabricación e extracción de materias primas, e destacou o papel das certificacións ambientais na mellora do deseño, o uso de materiais reciclados e a sostibilidade das licitacións públicas.
O obradoiro completouse coa visión sobre cidades intelixentes e telexestión do alumeado público. Miguel Pereira, de Bright, explicou como as plataformas smart city permiten acadar aforros de ata o 85 % mediante a combinación de luminarias LED e sistemas de telexestión, sen investimento inicial para os municipios. Pola súa banda, Iago Martínez, de Edigal, destacou que a telexestión do alumeado é xa unha tecnoloxía consolidada, máis dependente da vontade de implantación que de limitacións técnicas. Fíxose tamén unha reflexión sobre o potencial dos centros de mando de alumeado como nodos distribuídos de comunicación e servizo á cidadanía en situacións de emerxencia, reforzando a idea de que a iluminación sostible pode ser tamén unha infraestrutura clave para a resiliencia urbana e rural.

