O Obradoiro sobre Eólica Offshore, celebrado o 15 de xaneiro e organizado por Cluergal, serviu como espazo de reflexión sobre sustentabilidade e innovación tecnolóxica na eólica mariña flotante. Alberto Álvarez abriu a xornada presentando a axenda e as principais necesidades colectivas detectadas entre os particpantes do ciclo.
Tras él, dende unha perspectiva de mercado, Bernardino Couñago, de Bluenewables, expuso un completo panorama da eólica mariña flotante a nivel global. Sinalou que, malia o seu enorme potencial investidor e unhas previsións moi ambiciosas, o crecemento real está a ser máis lento do esperado debido á falta de marcos regulatorios claros e a retos industriais clave, especialmente en países como España e Portugal. Con todo, destacou que a eólica flotante representa unha oportunidade estratéxica, con Francia posicionándose como referente europeo e cunha forte participación de tecnoloxía e coñecemento desenvolvidos en España.
A xornada abordou tamén avances tecnolóxicos de alto valor engadido. Juan Gracia, de Cener, amosou como a Intelixencia Artificial permite acelerar de forma radical os cálculos de enxeñaría estrutural, reducindo prazos e custos e abrindo a porta a xemelgos dixitais operativos en tempo real. Pola súa banda, Miriam Terceño Hernández, de Navantia Seanergies, presentou o proxecto EcoFoss, centrado no deseño de subestacións eléctricas flotantes cero emisións, con integración de hidróxeno verde, sistemas avanzados de monitorización de cables e solucións orientadas á rexeneración da vida mariña, reforzando o papel da innovación industrial española no futuro da eólica offshore flotante.

