O pasado martes 28 de xaneiro de 2025 celebrouse un novo obradoiro do ciclo Obradoiros multidisciplinares de Dixitalización. Enerxía e Dixitalización, organizado por CLUERGAL e financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). O evento, desenvolvido en formato híbrido, reuniu expertos do sector para afondar no papel clave da dixitalización na planificación, implementación e xestión de proxectos de enerxías renovables.
A xornada iniciou coa intervención de Oriol Sarmiento Díez, xerente de CLUERGAL, e de Alberto Álvarez Quiroga, de INNPLICA, que presentou a súa expsoición sobre Necesidades tecnolóxicas colectivas, expoñendo os desafíos e oportunidades que enfronta o sector na súa transformación dixital.
Laura Rodríguez Couce, de Instra Ingenieros, presentou unha innovadora aplicación da IA á protección da biodiversidade coa súa intervención Intelixencia Artificial para a protección de aves en parques eólicos. Pablo Álvarez Rodríguez, do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), explicou a Xestión avanzada de sistemas híbridos: casos de uso, demostrando como as ferramentas dixitais optimizan a combinación de diferentes fontes renovables para mellorar a súa fiabilidade e rendemento. Finalmente Julio E. Campo Macho, de Pylon Data, abordou a Dixitalización de empresas de autoconsumo fotovoltaico a través de tecnoloxía avanzada.
