O pasado martes 21 de xaneiro celebrouse o primeiro evento do ciclo Obradoiros multidisciplinares de Dixitalización, organizado por CLUERGAL e financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). O evento, que tivo lugar en formato híbrido, reuniu expertos do sector enerxético para debater o impacto da dixitalización na planificación, deseño e xestión de infraestruturas de xeración e distribución de enerxía.
A xornada comezou coa intervención de Oriol Sarmiento Díez, xerente de CLUERGAL, que destacou a importancia de abordar a transformación dixital no sector enerxético. A continuación, Alberto Álvarez, de INNPLICA, fixo a sua intervención sobre «Diagnósticos individuais de dixitalización».
A primeira intervención foi a de Fernando Blanco Silva, de FORO ENERXÉTICO sobre «Dixitalización e Intelixencia Artificial no sector enerxético». Centrou a súa presentación no impacto da Intelixencia Artificial (IA) e ilustrando casos prácticos onde a IA se está a empregar para optimizar o uso de recursos, predicir a demanda enerxética e mellorar a fiabilidade das infraestruturas. O seguinte ponente foi Santiago González, de INTEGRIA ENERGÍA EMPRESAS sobre «SGE – Sistema de xestión empresa & enerxía», presentando unha ferramenta que facilita reducir custos e mellorar o rendemento mediante unha análise en tempo real dos datos operativos. Por último, Andrea Ciricugno, de TEVALCOR presentou a plataforma «TOR – Plataforma de coñecemento para o estudo da sostibilidade ambiental».
Este obradoiro pon de manifesto a enorme oportunidade que supón a dixitalización para o sector enerxético e permitiu a todos os asistentes ampliar os seus coñecementos e establecer un debate enriquecedor.
