Cluergal celebrou este mércores 21 de outubro en Ferrol a cuarta charla da súa campaña de divulgación sobre boas prácticas en aforro e eficiencia enerxética, organizada en colaboración coa Xunta de Galicia. O encontro, que tivo lugar en AN STRATO coincidiu coa conmemoración do Día Mundial do Aforro de Enerxía, unha data dedicada a promover o uso eficiente dos recursos enerxéticos e a sensibilizar sobre a necesidade de reducir o impacto ambiental asociado ao seu consumo.
Tras as convocatorias celebradas en Santiago de Compostela, Vigo e Ourense, a iniciativa continuou en Ferrol co obxectivo de achegar á cidadanía coñecementos e recomendacións prácticas para reducir o consumo de enerxía nos fogares e nas actividades cotiás. A campaña de Cluergal busca trasladar os conceptos de eficiencia enerxética máis alá dos ámbitos técnicos e empresariais, fomentando hábitos de consumo responsables, o aproveitamento dos recursos dispoñibles e a participación da sociedade galega na transición cara a un modelo enerxético máis eficiente e sostible.



